O PP de Sarria critica que o alcalde aínda non pagara ás farmacias

O Partido Popular de Sarria critica a convocatoria da xunta reitora da residencia e responsabiliza directamente ao alcalde, Claudio Garrido, de non ter abonado aínda a débeda coas farmacias.
A portavoz popular, Carmen José López, lembra que “o alcalde foi advertido por Intervención de que a única persoa con capacidade para aprobar o pago é el mesmo”.
Neste sentido, subliña que un acordo adoptado pola xunta reitora carecería de validez ao non ter competencia para tomar esa decisión.
López critica que, a pesar de coñecer esta situación, o alcalde decidise convocar a xunta reitora, cualificándoo de “teatro innecesario. Se Garrido non aprobou o pago, é única e exclusivamente responsabilidade súa e terá que explicalo”, engade.
Ademais, nega que o Partido Popular votase en contra do pago ás farmacias. “O PP nunca se opuxo. De feito, nin sequera puidemos votar, porque a decisión debía tomala o alcalde", explican.
A portavoz tamén lembra que o Pleno xa aprobara hai meses unha modificación de crédito para facer fronte á débeda, pero denuncia que o alcalde atrasou o pago ata superar os prazos. “Non sabemos con que intención, aínda que supoñemos que coa de non pagar”, apunta.
Os concelleiros do PP xa advertiran en novembro e reiteraron por escrito que non podían votar un asunto que non era da súa competencia. Aínda así, sosteñen que Garrido convocou a xunta reitora unicamente para buscar escusas e eludir a súa responsabilidade.
“A situación actual foi provocada polo alcalde, que deixou pasar o tempo a pesar de contar co acordo do Pleno para destinar os fondos ao pago da débeda. Onte mesmo podería ter adoptado a decisión, pero non o fixo porque sabía que a xunta reitora era unha escenificación innecesaria e un engano tanto á oposición como ás farmacias”, conclúe López.