O PP de Sarria defende a construción do parque cuberto onde se atopan as vivendas dos mestres

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria manifestou o seu “absoluto rexeitamento” á moción presentada por Camiña Sarria no último pleno, na que se condiciona o achegamento da documentación requirida pola Xunta para a desafección das antigas vivendas dos mestres do CEIP Frei Luís de Granada á súa rehabilitación.
Segundo os populares, esta proposta é unha “profunda incoherencia”, pois “é totalmente incompatible destinar ese espazo a un parque cuberto”, tal e como se acordou no Pleno de maio de 2023, atendendo ás demandas veciñais e da comunidade escolar.
A portavoz do Partido Popular, Carmen José López, lembrou que o Concello de Sarria solicitou en dúas ocasións a desafección dos inmobles, cumprindo co acordo plenario. “Pero non achegou en ningún dos dous casos a documentación necesaria, malia ser requirida en varias ocasións e recoñecer no último pleno que a tiñan preparada”, explicou López.
O Partido Popular considera que a moción de Camiña Sarria deixa clara a súa verdadeira intención, que non é outra que incumprir o acordo plenario e frustrar a construción do parque cuberto. “Lonxe de aportar solucións, Camiña Sarria engade confusión e deixa clara a súa vontade de deixar sen efecto o proxecto do parque aprobado por toda a corporación”, subliñou a portavoz.
Ademais, o Partido Popular cualificou de “inaceptable” que se suxira á rehabilitación das vivendas en ruínas, que deberían ser substituídas por un espazo público moderno, útil e accesible para todos os veciños. López destacou que ignorar a vontade do pleno municipal e a demanda do parque cuberto “é un despropósito”, especialmente nun momento no que a infraestrutura é vital para as familias de Sarria.
Os populares tamén censuraron a postura do BNG, que pasou de apoiar a construción do parque a aliarse co Goberno Municipal. “É incomprensible a submisión do BNG aos despropósitos do Goberno Municipal”, indicou Carmen José López.
Desde o Partido Popular aseguran que continuarán defendendo os intereses dos veciños, traballando para que se executen proxectos útiles e necesarios, e esixen ao goberno local que abandone a política da improvisación, das mentiras e das trampas. “É hora de xestionar con rigor e sentido común”, concluíu a portavoz.