O PP de Sarria defende que non se podía facer o auditorio na Feculera e pídelle ao Goberno que busque outro espazo

SarriaXa
A voceira, Carmen José López, considera que “Garrido mentiu ao barrio da Estación e tentou enganar a toda a cidadanía xerando expectativas en relación a unha infraestrutura fundamental e prioritaria para Sarria como é o auditorio"
Feculera-Sarria
18 Xuño 2024

O Grupo Municipal do Partido Popular subliña que “a firmeza da sentenza e a renuncia a recorrer evidencia que Garrido coñecía que era absolutamente inviable”.

A voceira, Carmen José López, considera que “Garrido mentiu ao barrio da Estación e tentou enganar a toda a cidadanía xerando expectativas en relación a unha infraestrutura fundamental e prioritaria para Sarria como é o auditorio, polo que esiximos que se poña a traballar para non perder máis tempo e faga realidade unha necesidade evidente para o municipio, moi demandada por todos os sarriaos e para a que agora dispoñerá novamente do importe que pagara pola Feculera".

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "desmontou coa sentenza ditada en febreiro a gran mentira de Claudio Garrido coa Feculera, deixando claro que no inmoble non se ía a poder facer o auditorio nin darlle o destino de usos culturai", explica a portavoz.

“Tendo en conta que o edificio está fóra de ordenación, unicamente se podían facer obras de conservación e, polo tanto, facíao inviable para facer un auditorio, estando ademais prohibido o cambio de uso, unha circunstancia que o Partido Popular leva anos advertindo e que facía aínda máis incomprensible o empeño do Goberno de Camiña Sarria de comprar o inmoble polo elevado importe de 300.000 euros, moi por encima do prezo polo que fora ofrecido a outros posibles compradores”, explica López.

Ademais, cre que “Garrido leva anos facendo perder o tempo cun suposto proxecto que era inviable, falando dun anteproxecto que non existe nin existiu, tendo en conta que solicitado por este Grupo Municipal a información respecto diso nin sequera se lle facilitou o expediente da súa suposta contratación”, expón.

A portavoz popular incide en que “todo apunta a que esta mentira ía dirixida a tentar destinar unha herdanza dirixida a bens culturais e sociais a un aparcadoiro para o parque móbil e almacén do Concello por un importe indefendible, atendendo ás circunstancias urbanísticas do inmoble e ao seu prezo real de mercado. A renuncia do goberno de Camiña Sarria a recorrer pon en evidencia o que xa sabiamos e que tiñamos advertido incansablemente: que o goberno municipal nunca tivo intención de facer un auditorio alí porque sabían que non era posible”, explica. Este caso súmase, segundo os populares, “a unha longa lista de enganos dun goberno municipal instalado na mentira”.

0.058160066604614