Os populares de Sarria denuncian o estado do Chanto e esixen unha solución para recuperar a zona
Os populares de Sarria urxen ao goberno local a elaborar e executar un proxecto de recuperación integral da zona do Chanto co que “dar unha solución definitiva ás súas numerosas deficiencias”.
Os concelleiros do grupo municipal popular inciden neste asunto atendendo ás demandas dos veciños polo seu “alarmante estado de abandono” e a que “xa existe un acordo plenario adoptado, a instancias do Grupo do PP, no mandato anterior ao que, incomprensiblemente, non se lle dá cumprimento”.
A voceira, Carmen José López, explica que “non só non se acometeu ningunha acción orientada á mellora deste espazo, senón que dende entón, hai arredor de dous anos, a situación empeorou notablemente, producíndose un deterioro que afecta á propia posibilidade de uso e desfrute desta zona fluvial, que mostra unha imaxe cada vez mais decadente e descoidada”.
A popular especifica que algunhas das máis destacables carencias e danos son o estado de parte do edificio público destinado a bar e restaurante, "que se atopa apuntalado dende outubro de 2020, unha circunstancia que ademais implica un custo recorrente polo alugueiro dos puntais".
Tamén mencionan a presa que lle daba sustento a esa zona está rota e chea de maleza, que tampouco existe zona de baño apta para o seu uso e que desapareceu a varanda ao longo do paseo que transcorre dende a ponte da rúa Peregrino ata o Chanto, ademais da degradación do firme neste mesmo tramo.
Por último, o PP considera que é unha contorna sucia na que é habitual atopar restos de lixo, algo que se contrapón co que foi noutro tempo, "sinónimo de prosperidade, lecer, encontro e natureza, pero agora presenta un estado lamentable que pon en risco a seguridade dos veciños e usuarios, ademais de ofrecer unha mala imaxe de Sarria”.