O PP de Sarria denuncia que o Goberno local non respecta o prazo legal de pago a provedores

SarriaXa
"Desde o PP esiximos ao goberno municipal que adopte de inmediato as medidas necesarias para axilizar o aboamento das facturas pendentes", piden
Grupo-Municipal-PP-Sarria
12 Mar 2025

O Partido Popular de Sarria instou ao Goberno Municipal a tomar medidas urxentes para axilizar o pago a provedores, tras coñecerse os datos do Informe de Morosidade correspondente ao cuarto trimestre de 2024.

Segundo este documento, o Concello chega a multiplicar por sete o período legal establecido para aboar as facturas, "o que está a xerar graves prexuízos para as pemes e autónomos do municipio", explican os populares.

"Esta situación, que supón un importante lastre para o tecido empresarial local, é outra consecuencia máis da falta de xestión e previsión á que xa nos ten acostumados o Goberno de Camiña Sarria", denunciaron desde o PP.

O informe do Servizo de Tesouraría revela que, das 999 facturas aboas durante o último trimestre do pasado ano, só 62 foron pagadas dentro do prazo legal. Para os populares, estes datos reflicten unha xestión deficiente e lenta por parte do equipo de goberno, que estaría a provocar incerteza e dificultades económicas a quen traballa co Concello.

"Desde o PP esiximos ao goberno municipal que adopte de inmediato as medidas necesarias para axilizar o aboamento das facturas pendentes. O incumprimento reiterado destes prazos non só evidencia unha pésima xestión económica, senón que ademais pode carrexar sancións, restricións financeiras para o Concello e o devindicar de xuros de demora e mesmo custas xudiciais nos casos de reclamación", advertiron.

O grupo popular subliñou que a falta de planificación está "asfixiando a algúns provedores" e xerando unha situación "inaceptable". "Este atraso nos pagos é unha mostra máis da deixadez dun goberno que non responde nin ás necesidades dos veciños nin ás do tecido empresarial de Sarria", afirman.

Por iso, o PP de Sarria solicitou que o Concello priorice o pago a provedores, aumente a transparencia nos procesos contables e poña en marcha un plan de saneamento financeiro que evite un posible colapso económico do municipio. "Non podemos permitir que a mala xestión do goberno local continúe prexudicando ás empresas e autónomos, poñendo en risco o emprego e o desenvolvemento económico da nosa localidade", conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.16851997375488