O PP de Sarria denuncia "reiterados incumprimentos" dos acordos plenarios

SarriaXa
Os populares acusan ao equipo de goberno de incumprir 14 acordos da corporación municipal e ínstano a retomar os proxectos
13 Feb 2021

O grupo municipal do PP en Sarria critica a “actitude antidemocrática" do alcalde e do equipo de goberno local polos "reiterados incumprimentos" dos acordos do pleno. Lembran, neste senso, o recente pleno extraordinario solicitado polo seu grupo para,  precisamente, requirir ao goberno de Camiña Sarria que cumpra coas decisións aprobadas pola corporación municipal. "Este requerimento contou con 10 votos a favor e 5 en contra. É dicir, o dobre de votos en contra do goberno en minoría de Sarria”, apunta o voceiro popular no municipio, José Antonio García.

O requerimento aludía nomeadamente ao "incumprimento de 14 proxectos nestes preto de dous anos de mandato" e solicitaba continualos. Entre eles, construír a Ponte Ribeira con tódolos informes e autorizacións, arranxar e urbanizar a curva do mazadoiro, instalar cámaras de seguridade en determinados puntos da vila e cubrir catro prazas de Policía Local, crear unha comisión de investigación da compra da feculera ou crear un servizo público de reparto de alimentos a persoas e familias necesitadas.

Na mesma liña desas propostas que foran aprobadas en pleno, os populares incorporaban na nova proposta "respaldada por un total de 10 concelleiros" o acordo para non esixir as taxas do lixo, abastecemento, saneamento e depuración aos negocios e comercios pechados e afectados pola crise sanitaria, así como conceder unha subvención nominativa polo importe das festas do San Xoán á residencia municipal de maiores para crear zonas illadas e comprar e facer acopio de material sanitario de protección.

A corporación municipal sarriana aprobou tamén recuperar as subvencións de 250.000 euros, "ás que intencionadamente renunciou Garrido" según José Antonio García, para rehabilitar a Casa das Arsenias, preparar os protocolos para abrir a piscina climatizada cando a situación sanitaria o permita; arranxar o "abandonado" patrimonio de Sarria, en referencia á Casa das Arsenias, o Muíño do Toleiro ou o edificio do Chanto, e "por cuarta vez en dous anos" aprobouse tamén arranxar e rematar a rúa Diego Pazos da localidade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15326189994812