O PP de Sarria di que o contrato do alumeado público "é prexudicial para os intereses do municipio"
Durante o día de hoxe celebrarase o pleno municipal do Concello de Sarria, no que o Goberno local proporá a modificación do Contrato do Alumeado público, que supón unha suba de 8.851,06 euros ao mes, é dicir 128.517,44 euros máis ao ano no precio que o Concello paga á empresa, tal e como explican os concelleiros populares.
Desde o PP de Sarria lembran que o informe aportado ao expediente e elaborado pola Enxeñeira Industrial Municipal resposable do contrato indica que a modificación proposta supón un incremento de case o 20 % do precio do contrato. Case 9.000 euros máis ao mes.
“Esta é a enésima sorpresa dun contrato que, como xa advertimos dende o Partido Popular, supón que o aforro que tería que producirse para todos os sarriaos e sarriás coa sustitución das luminarias por LED se quede no marxe de beneficio da empresa. É un contrato prexudicial para os intereses do municipio e que nos terá atados durante 20 anos”, denuncian os populares.
Así, engaden que o alcalde "sempre intenta desviar a atención apelando a que hai un aforro enerxético, unha circunstancia que é obvia, e que nunca se negou, o que segue sen aclarar é a ónde foi parar o aforro económico que tería que producirse para as arcas públicas como consecuencia lóxica do aforro enerxético, unha vez mais non saen as contas”.
Con todo, din que "esta modificación é outra mostra máis da chapuza do Goberno de Camiña Sarria en relación a este contrato, un contrato que tal e como foi plantexado impediu que puidese presentarse ningunha empresa de Sarria polos requisitos de acceso, o que supuxo unha clara limitación. Agora pretende modificarse cun incremento repentino e non previsto no seu coste de case o 20 %”.
E lembran que, aínda que a lei de contratos prevé que unha modificación do 20 % podería permitir a resolución do contrato, a modificación proposta polo Goberno Municipal é "curiosamente do 19,92 % outra estrana casualidade que se suma ao cúmulo de despropósitos deste contrato”.