O PP de Sarria esixe a ADIF a reparación urxente dos danos nas infraestruturas de Piñeira e Oural

SarriaXa
Advirten do risco para a seguridade da veciñanza pola ausencia de varandas na ponte sobre o río Pequeno e denuncian o abandono de entullos contaminantes no monte veciñal
Danos-na-ponte-da-parroquia-de-Piñeira-Sarria
11 Jun 2025

O Grupo Municipal Popular de Sarria volve denunciar a situación de abandono que afecta diversas zonas do municipio como consecuencia das actuacións realizadas por ADIF e que, segundo afirman, seguen sen ser reparadas malia as reiteradas peticións.

A formación popular xa tiña solicitado a reparación dos danos no barrio da estación de Oural e na contorna da ponte do Mazadoiro, onde se produciron importantes desperfectos que, a día de hoxe, continúan sen corrixirse. Agora, os populares alertan dunha nova situación preocupante na parroquia de Piñeira, onde a deterioración da ponte sobre o río Celeiro, ou río Pequeno, compromete a seguridade da veciñanza.

“Consideramos urxente esixir a ADIF a reparación dos danos no camiño que vai de Outeiro a Vilameá e a restitución das varandas da ponte sobre o río Pequeno, antes de ter que lamentar unha desgraza. A súa ausencia supón un importante risco de caída”, advirte a portavoz popular, Carmen José López.

O PP tamén denuncia o impacto ambiental que sofre a parroquia pola presenza de entullos e materiais de obra, procedentes dos traballos realizados por ADIF, e que foron depositados no monte veciñal sen ningún tipo de control. “Ninguén se fai cargo destes residuos e descoñecemos se poden conter sustancias contaminantes, polo que esiximos a súa retirada inmediata e a limpeza da zona afectada”, sinalan.

Desde o grupo popular lembran que estas demandas xa foron trasladadas en múltiples ocasións ao Goberno local, incluída unha moción presentada no pleno da corporación para instar a ADIF a asumir as súas responsabilidades. “A pesar diso, o tempo segue pasando sen medidas efectivas, cun claro prexuízo para a veciñanza”, critican.

“O deterioro das infraestruturas, o pavimento, os elementos de seguridade e os accesos é evidente e afecta á calidade de vida dos veciños. Non podemos permitir que unha administración como ADIF execute obras e deixe tras de si un regueiro de danos sen reparar”, engaden.

Por todo isto, o PP de Sarria volve esixir ao Goberno local que actúe con firmeza e inste a ADIF a reparar de inmediato todos os danos xerados polas súas actuacións. “Non se trata só dunha cuestión estética, senón de seguridade, mobilidade e respecto polos veciños e veciñas de Sarria”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.17557787895203