O PP de Sarria esixe ao alcalde, Claudio Garrido, que “faga os deberes e presente o plan do matadoiro"

SarriaXa
A portavoz do PP de Sarria lembra que “ten a man da Consellería tendida e o compromiso da conselleira. Agora a pelota está no seu tellado, pero o que falta é o traballo e a planificación"
PP-matadoiro-Sarria
12 Dec 2024

O PP de Sarria esixe ao alcalde, Claudio Garrido, que “faga os deberes e presente o plan do matadoiro, tal e como se comprometeu coa Consellería de Medio Rural. Sen cumprir coa súa parte, non se pode facer efectivo o apoio da Xunta”.

A portavoz, Carmen José López, explica que “seguimos con moitas preguntas e poucas respostas sobre a xestión municipal do matadoiro e sen ter noticias do plan de viabilidade ao que alcalde se comprometeu a aportar á Consellería de Medio Rural para poder determinar os apoios da Administración autonómica ao matadoiro municipal de Sarria”.

A popular considera “inadmisible” que “o alcalde esixa apoio e compromiso a través da prensa, pero que non aclare se aportou ou non o proxecto tal e como se lle trasladou que debía presentar para facer efectivo o apoio”.

López condena “esta dinámica que é a de sempre: o goberno de Camiña Sarria non ten entre os seus obxectivos buscar solucións, senón unicamente facer crítica política e botar balóns fora en lugar de garantir a viabilidade do servizo”.

Os populares cren que “a veciñanza ten dereito a saber o que fixo o alcalde: se presentou ou non o plan de viabilidade imprescindible para determinar as necesidades de apoio e inversións”.

A portavoz do PP de Sarria lembra que “ten a man da Consellería tendida e o compromiso da conselleira. Agora a pelota está no seu tellado, pero o que falta é o traballo e a planificación por parte do goberno de Camiña Sarria, algo que se repite continuamente en distintos eidos da súa competencia e que está a lastrar permanentemente a xestión municipal”. “O goberno municipal non fai os deberes e logo estráñase de que o Concello vaia como vai: coa débeda disparada e con cartos que desaparecen. Sufrimos unha xestión nefasta e a ausencia absoluta de planificación e responsabilidade”, incide.

Para Carmen José López “ponse en evidencia, unha vez máis, que estamos ante un goberno á deriva e totalmente incapaz de asumir a xestión e responsabilidade que asumiu”.

0.15267610549927