O PP de Sarria esixe ao Goberno local que elimine as barreiras arquitectónicas e atenda ao estado das beirarrúas

SarriaXa
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Sarria recollen as queixas dos veciños e veciñas ante o mal estado das beirarrúas na vila, xa que din que "as baldosas están levantadas en moitos puntos e resulta molesto e ata perigoso para os viandantes”.
Rúa Matías López sarria
15 Xan 2024

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Sarria recollen as queixas dos veciños e veciñas ante o mal estado das beirarrúas na vila, xa que din que "as baldosas están levantadas en moitos puntos e resulta molesto e ata perigoso para os viandantes”.

Así, a través da portavoz Carmen José López, esixen ao Goberno de Camiña Sarria que “revise e repare as beirarrúas onde sexa preciso para garantir a seguridade dos peóns”, e lamenta que “o desinterese do Goberno chegue ata o punto de non ocuparse dos asuntos máis sinxelos do día a día dos veciños e veciñas en cuestións que son competencia municipal”.

Probablemente, engade, “parece que hai unha ausencia total de interese en xestionar debidamente os asuntos que afectan directamente aos sarriaos, ao seu benestar e, incluso, á súa seguridade”.

Rúas en mal estado

A voceira popular sinala o estado de beirarrúas a rúa Músico Chané ou Diego Pazos, entre moitas outras, e destaca, como “unha mostra máis do desinterese que incluso o semáforo que se atopa no cruce da rúa Matías López coa rúa Formigueiros leva meses sen estar operativo a pesar de tratarse dunha zona con moito tráfico”.

A popular explica que “esta situación non se debe permitir nunha vila coma Sarria”, “merecemos unha vila coidada e atendida e, por suposto, segura e confortable”. De feito, incide en que “a seguridade dos nosos veciños e veciñas debe ser prioritario para o goberno local”.

Carmen José López agarda que “o Goberno de Camiña Sarria tome nota”, aínda que “non temos moitas esperanzas, xa que fixo caso omiso á moción sobre accesibilidade presentada polo Grupo Municipal Popular na que se facían constar entre outras, este tipo de deficiencias. A pesar de resultar aprobada no pleno do pasado mes de agosto, o Goberno local non fixo nada por eliminar as barreiras arquitectónicas. Está a incumprir un acordo plenario”, remarca.

0.12761402130127