O PP de Sarria esixe “información clara” sobre a situación económica do matadoiro municipal

SarriaXa
O PP de Sarria esixe ao goberno local que preside o señor Garrido “información clara sobre a situación e as perspectivas económicas do matadoiro municipal”.
Matadoiro municipal de Sarria
12 sep 2023

O PP de Sarria esixe ao goberno local que preside o señor Garrido “información clara sobre a situación e as perspectivas económicas do matadoiro municipal”.

Os populares queren saber “se son certos ou non os datos que ten manifestado o alcalde ante os medios de comunicación”. Para iso, a voceira do Grupo Municipal Popular, Carmen José López, vén de solicitar formalmente a convocatoria dunha reunión urxente na que participen os portavoces dos distintos grupos políticos e que conte coa presencia de persoal de tesourería e de intervención.

A popular condena a “falta de transparencia e o ocultismo do alcalde” e considera “indispensable que o goberno local poña luz a este asunto que ten xerado importante alarma social, unha vez que o propio alcalde xerou certas dúbidas sobre a posibilidade de que falte diñeiro correspondente ao matadoiro pendente de ingreso nas arcas municipais”. De ser certo, “queremos saber de que cantidade se trataría”, indica López. “É sorprendente que o propio alcalde descoñeza a situación do matadoiro durante o seu último mandato, como el mesmo recoñece ao anunciar que pediu un informe sobre a situación dos últimos catro anos”.

Carmen José López cre que “dada a gravidade das informacións, consideramos urxente a convocatoria da reunión”. De feito, o Grupo Municipal Popular vén solicitando información dende o pasado mes de xullo e incluso ten reiterado a petición no último pleno. “Xa temos solicitado que se nos faciliten todos os datos  para que se nos aclaren os detalles sobre este asunto do que unicamente temos coñecemento pola prensa”.

Os populares teñen advertido da mala xestión financeira por parte do goberno local en relación a diversos asuntos: “xa avisamos e agora vanse descubrindo pouco a pouco”.

0.091630935668945