O PP de Sarria esixe medidas urxentes ante a caída de árbores na canle do río

O Grupo Municipal Popular de Sarria reclamou ao goberno municipal e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a adopción de medidas inmediatas ante a continua caída de árbores na canle do río.
Os concelleiros do PP instan ao executivo de Camiña Sarria a revisar e conservar as árbores, xa que as caídas reiteradas nos últimos meses afectan non só aos ríos, senón tamén a outras zonas do municipio pola falta de mantemento.
A portavoz do PP, Carmen José López, alertou do "grave perigo" que esta situación supón para a seguridade dos veciños e visitantes, ademais de afectar á imaxe do municipio, que se ve deteriorada pola acumulación de lixo.
Os populares levan tempo advertindo da urxencia de avaliar o estado das árbores nestas zonas. Xa no anterior mandato solicitaran actuacións concretas, pero denuncian que o actual goberno municipal non se preocupa por este problema. "A falta de mantemento está provocando a caída de árbores, aumentando o risco de accidentes e danando a paisaxe", sinalou López.
Por iso, os concelleiros do PP demandan que o alcalde e o seu goberno tomen as medidas necesarias e coordinen coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil a retirada das árbores caídas na canle do río para evitar posibles obstrucións e inundacións en épocas de choivas.
López concluíu que "non podemos permitir que esta situación continúe sen resposta", e lembrou que "o goberno local debe garantir a seguridade de todos os sarriaos e manter en bo estado as zonas verdes e fluviais do municipio".