O PP de Sarria esixe melloras na xestión administrativa e a eliminación de obstáculos innecesarios

SarriaXa
Os populares rexistran unha proposta no Pleno para solicitar a axilización de trámites e evitar custes adicionais aos veciños debido a duplicidades na documentación.
Concelleiros-Grupo-Municipal-PP-Sarria
21 Apr 2025

Os concelleiros do Partido Popular en Sarria veñen recibindo con frecuencia queixas da veciñanza polos constantes atrasos na tramitación de expedientes administrativos, como é o caso das licenzas municipais ou os vados, así como polos atrancos derivados da demanda de documentación que xa figura en poder da administración local. Esta situación, ademais de supor unha duplicidade innecesaria, obriga en ocasións aos solicitantes a pagar taxas adicionais, o que xera malestar e cargas económicas evitables.

Para facer fronte a esta realidade, o Grupo Municipal Popular vén de presentar unha proposta no próximo Pleno do Concello de Sarria, coa que instan ao goberno local a adoptar medidas que garantan unha maior axilidade e eficiencia na xestión administrativa. Segundo explican, cómpre “simplificar os procesos, eliminar trabas innecesarias e deixar de pedir aos veciños documentación que xa foi presentada ou que xa está en poder doutra administración”.

Os populares consideran que a mellora dos servizos públicos debe estar na axenda de calquera goberno municipal e que a eficiencia administrativa é unha peza clave para garantir unha atención adecuada á cidadanía. Critican que prácticas como a duplicidade na documentación ou os atrasos inxustificados “atentan contra os principios de boa xestión e acaban xerando frustración e custos inxustificados”.

Na súa proposta, o PP solicita ao equipo de goberno que realice un diagnóstico exhaustivo dos procedementos administrativos que máis demoras presenten, identificando os puntos de bloqueo que dificultan a súa tramitación. Piden tamén a implantación de medidas de simplificación administrativa, a eliminación da esixencia de documentación xa existente nos arquivos municipais ou noutras administracións mediante o uso de mecanismos de interoperabilidade, e que se supriman todas aquelas taxas adicionais derivadas da entrega reiterada de documentación ou certificados. Así mesmo, demandan que se informe periodicamente á corporación municipal sobre o avance das medidas aplicadas e sobre os resultados obtidos en termos de redución de prazos e mellora do servizo público.

Con esta iniciativa, o PP de Sarria quere contribuír a unha administración máis áxil, eficaz e centrada nas necesidades reais da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.15529894828796