O PP de Sarria esíxelle ao Goberno local que reclame máis solo industrial para O Morelle

O Partido Popular de Sarria lamentou a actitude do alcalde, ao que acusan de ser “o único que está a desatender a reivindicación da necesidade de solo industrial” no municipio.
Desde a formación popular critican a “postura cómplice” do Goberno local ante o bloqueo, por parte do Goberno do Estado, da segunda fase do polígono industrial do Morelle.
Os populares instan ao alcalde a sumarse á reclamación de máis solo industrial que permita a implantación de novas empresas en Sarria, co obxectivo de xerar emprego e asentar poboación.
“Mentres outros concellos da provincia como Rábade, Ribadeo ou Monforte están a velar polo crecemento económico e laboral mediante a creación de solo industrial e a bonificación do seu prezo, o goberno de Camiña Sarria parece alleo a unha necesidade urxente para o noso concello”, denunciou a voceira do PP, Carmen José López.
López subliña que Sarria é un dos municipios con maior necesidade de solo industrial, e acusa ao rexedor, Claudio Garrido, de ser cómplice do “bloqueo do SEPES ao desenvolvemento empresarial e industrial da localidade”. A voceira lembra que en varias ocasións o Partido Popular levou iniciativas ao Pleno para esixir ao Goberno central avances na segunda fase do polígono do Morelle, sen contar co apoio do goberno local, que “sempre puxo escusas e mostrou reticencias”.
“É inasumible que o alcalde, que debería ser o principal interlocutor das necesidades do municipio, prefira gardar silencio mentres empresas de Sarria se ven obrigadas a marchar a outros municipios que si dispoñen de solo industrial para medrar, tendo en conta o potencial de crecemento de Sarria, un municipio que sempre se caracterizou polo seu espírito emprendedor”, concluíu a voceira popular.