O PP de Sarria fai balance dos dous primeiros anos do actual Goberno local

O Grupo Municipal Popular de Sarria fai balance, cando se cumpren dous anos do inicio do actual mandato de Goberno local, da xestión do alcalde Claudio Garrido: “improvisación, falta de diálogo, inacción ante os retos pendentes e ausencia dun proxecto de futuro que permita a Sarria avanzar”.
A portavoz, Carmen José López, lembra ademais que “este mandato estivo marcado polas irregularidades e a parálise debida a un goberno sen proxecto”. A popular explica que “Garrido non soubo interpretar o mandato das urnas: a necesidade de dialogar para buscar o consenso”. “Botamos en falta vontade de diálogo e respecto institucional”, asegura.
López apunta tamén que “a decisión de vincular a aprobación dos orzamentos municipais a unha cuestión de confianza, e as recentes declaracións de que pretende facer de novo o mesmo, sen ningún tipo de negociación previa coa oposición, exemplifica a súa maneira de entender o goberno: imposición, unilateralidade e falta de diálogo”.
Os populares lembran que “nestes dous anos, o matadoiro municipal converteuse no símbolo da súa mala xestión. Ao déficit e ameaza de peche, que deu lugar á mobilización do sector e usuarios nas rúas de Sarria, sumáronse a ausencia de control económico e as reiteradas advertencias por parte dos servizos técnicos municipais da necesidade de adoptar medidas ao respecto”.
Así, sosteñen que "o alcalde continúa culpando a outras administracións de todos os problemas, sen exercer a autocrítica que require a súa responsabilidade. A día de hoxe, segue sen presentar un proxecto de futuro claro, ambicioso e solvente para Sarria, limitándose a actuar de forma reactiva e sen visión a medio prazo”.
“Dende o Partido Popular instamos ao alcalde a evitar outros dos anos perdidos para poñer en marcha proxectos estratéxicos para Sarria e apelamos, unha vez máis, ao diálogo e ao sentido da responsabilidade. A cidadanía merece un goberno municipal que poña por diante o interese xeral”, subliña Carmen José López.