O PP de Sarria insta ao Goberno local a que se interese pola situación das obras levadas a cabo nas parroquias
Os concelleiros do PP de Sarria alertan sobre os "prexuízos que están a sufrir os veciños de distintos núcleos" polas obras de extensión de abastecemento de auga e reposición de servizos básicos.
Así, instan ao Goberno municipal a “realizar o correcto seguimento das obras, tal e como indica a portavoz, Carmen José López, quen explica, tras visitar as zonas afectadas xunto a membros do Grupo Municipal Popular, que “nas parroquias de Santa María de Vilar ou San Pedro de Froián puidemos comprobar importantes desfeitas nos camiños e cunetas nos que se realizaron as actuacións que, incluso nalgún caso, deron lugar á afectación de canalizacións veciñais que están a ocasionar que a auga corra por riba do firme”.
Segundo explica a popular, isto supón, "ademais de prexuízos directos aos veciños afectados, o deterioro das estradas e un perigo para vehículos e viandantes, especialmente nesta época de fortes xeadas, xa que se poden formar placas de xeo”.
"Mala previsión" do Goberno local
O Grupo Municipal do Partido Popular cre que esta circunstancia se debe “a unha ausencia absoluta de control e seguimento da situación por parte do Goberno municipal" e, por este motivo, e atendendo ás queixas trasladadas dende os núcleos afectados, os concelleiros instan ao Goberno de Camiña Sarria a que se interese pola situación e "cumpra coa súa función de supervisión ao obxecto de poñer fin a esta situación e minimizar os prexuízos que están a ocasionar”.
Os populares tamén inciden na “mala previsión” por parte do Goberno municipal, xa que “as obras foron adxudicadas en xaneiro do 2023 cuns prazos de execución que ían dos 21 días a un mes e 26 días, dependendo da zona, pero ese tempo pasou con creces e estanse a acometer obras 11 meses despois en pleno inverno”.