O PP de Sarria leva ao Pleno as críticas ao servizo ferroviario e acusa a Renfe de abandonar a vila

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria anunciou que defenderá no próximo Pleno unha moción na que cuestiona o trato que recibe o municipio por parte de Renfe, ao que cualifica de “inxusto” e baseado nun “engano continuado” cara á veciñanza.
A formación considera que o recente anuncio realizado polo presidente da compañía ferroviaria e polo delegado do Goberno en Galicia non supón melloras reais. Pola contra, entenden que se está a vender como un logro o que, na práctica, é só unha modificación de horarios. Neste sentido, cualifican esta postura de “triunfalista” e critican a ausencia de investimentos e de novas conexións ferroviarias para Sarria.
“Que se intente presentar como un avance algo que non deixa de ser un simple axuste horario evidencia que non hai intención de recuperar nin ampliar servizos”, sosteñen desde o PP.
Os populares tamén alertan dunha perda progresiva de servizos ferroviarios na última década, subliñando que, malia o peso histórico do tren na vila e o seu papel como punto de chegada de milleiros de peregrinos, a situación actual é peor que hai anos.
Ademais, lembran que a poboación tivo que asumir durante tempo prolongado as molestias das obras de modernización e electrificación da liña. Con todo, denuncian que, unha vez rematadas, a maior parte dos trens que circulan seguen funcionando con diésel, o que consideran unha mostra de falta de adaptación aos estándares actuais.
A proposta que o PP levará ao Pleno inclúe varias reclamacións ao Goberno central. Entre elas, a recuperación dos servizos suprimidos, especialmente os trens nocturnos eliminados durante a pandemia, así como a incorporación de material ferroviario máis moderno.
Tamén demandan a presenza de persoal na estación para restablecer a venda presencial de billetes e mellorar a atención ás persoas usuarias, un servizo que consideran clave, sobre todo en épocas de maior afluencia vinculadas ao Camiño de Santiago.
Desde o grupo popular insisten en que é necesario que toda a Corporación Municipal se una para esixir solucións ante unha situación que, ao seu xuízo, está a frear o desenvolvemento económico da vila e a afectar á calidade de vida da súa veciñanza.