O PP de Sarria leva ao pleno dúas propostas para mellorar a seguridade viaria e peonil no municipio

SarriaXa
“As rúas de Sarria non poden seguir ofrecendo esta imaxe de abandono e degradación nin poñendo en risco á cidadanía", sosteñen
Danos-nas-beirarrúas-de-Sarria
28 May 2025

O Partido Popular de Sarria levará ao pleno dúas iniciativas dirixidas á mellora da seguridade viaria e peonil en Sarria, unha cuestión que consideran fundamental e que debe ser unha prioridade compartida por toda a Corporación municipal.

A primeira das mocións propón a elaboración dunha Estratexia Municipal de Seguridade Viaria que permita identificar os puntos negros, reforzar a sinalización, mellorar a visibilidade dos pasos de peóns e aplicar medidas específicas e eficaces. A iniciativa inclúe tamén a participación de colectivos sociais, forzas de seguridade e cidadanía en xeral coa intención de construír un documento útil, participado e realista.

A segunda moción solicita actuacións preventivas e de mantemento nas beirarrúas e calzadas, prestando especial atención a zonas con pavimento afundido, bordos deteriorados, baldosas soltas ou elementos rotos, co obxectivo de reducir riscos e facilitar a mobilidade de toda a cidadanía, especialmente das persoas máis vulnerables.

“As rúas de Sarria non poden seguir ofrecendo esta imaxe de abandono e degradación nin poñendo en risco á cidadanía. Presentamos propostas construtivas, urxentes e perfectamente asumibles para garantir o dereito a desprazarse con seguridade”, segundo comparten os populares.

Desde o Partido Popular lembran que xa se aprobaron en pleno anteriores propostas para mellorar a accesibilidade e o mantemento das rúas, e reiteran a súa disposición a colaborar activamente para que eses acordos se traduzan en accións concretas e visibles.

“Con estas dúas mocións queremos poñer enriba da mesa propostas construtivas que melloren a calidade de vida en Sarria e respondan a unha demanda social evidente. A seguridade non pode esperar, e cremos que é posible avanzar se existe vontade política e compromiso con solucións realistas”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.13890600204468