O PP de Sarria non considera prioritario o cambio de nome da rúa Calvo Sotelo
O pasado luns aprobouse pola comisión de protocolo de Sarria o cambio de denominación da rúa Calvo Sotelo polo de rúa da Liberdade. Este acordo ten que ser ratificado polo pleno, que se celebrará o vindeiro xoves 28 de outubro. Pola súa beira, o BNG xunto co PSOE apoiaron esta proposta que xa levaba tempo planteada.
No caso do segundo, a pesar de apoiar esta actuación, tiña outras propostas para denominar a rúa e consideraron que sería preciso a participación cidadá neste proceso.
Sen embargo, dende o Partido Popular non comparten esta actuación xa que "non cremos que sexa agora mesmo unha prioridade para os veciños de Sarria, nin que xurda ningunha inquietude do propio pobo". De feito, consideran que non é prioritario e que non sae gratis, xa que ten un custo para comercios, autónomos, empresas e familias que se atopan nun momento de crise sanitaria e económica, "sendo Sarria o único Concello da provincia que non aprobou axudas económicas municipais a autónomos, empresas e familias".
Ademais, dende o PP de Sarria engaden que "non está consensuado na corporación, polo que cada goberno poderá cambiar os nomes das rúas cada catro anos, sen consenso e de conformidade a súa ideoloxía e cor político".
Por estas razóns, dende o Partido Popular de Sarria presentan unha moción que debaterán no vindeiro pleno e na que defenden non iniciar ningún proceso de cambio de nome da rúa Calvo Sotelo, "por non ser unha necesidade que saia dunha proposta popular, consensuada e urxente, senón máis ben, dunha iniciativa temporal e caduca, que xera inconvintes, molestias e gastos aos veciños, nun momento pandémico na que autónomos, empresas e familias, están a sufrir unha situación difícil".