O PP de Sarria pedirá no Pleno que o Concello inste a Renfe a mellorar os servizos ferroviarios

SarriaXa
“Non podemos permitir que Sarria quede desconectada mentres se deterioran uns servizos básicos para a nosa economía, o turismo e o benestar da veciñanza”
Estacion-tren-Sarria-
26 Jun 2025

O Grupo Municipal Popular de Sarria levará ao próximo Pleno da Corporación unha proposta para que o Concello inste a Renfe a mellorar os servizos ferroviarios que presta no municipio, ante a crecente preocupación veciñal e as continuas queixas rexistradas polos usuarios nas últimas semanas.

Sarria é un dos principais puntos de inicio do Camiño de Santiago e a segunda estación máis importante da provincia de Lugo en número de viaxeiros. Por iso, a súa conexión ferroviaria considérase clave para o desenvolvemento turístico, económico e social da vila, así como para a mobilidade diaria de estudantes, traballadores e peregrinos.

A portavoz popular, Carmen José López, denunciou “o deterioro progresivo do servizo ferroviario, coa perda de conexións directas como as de Ourense ou Madrid, demoras frecuentes, falta de prazas dispoñibles e modificacións horarias que dificultan as conexións con outros trens”, o que está a afectar de forma directa á veciñanza e á actividade turística e comercial da comarca.

Entre as medidas que propón o PP, están a recuperación das conexións directas con Lugo, Ourense, Madrid e Barcelona, a garantía de servizos mínimos adecuados á demanda local, especialmente en tempadas de maior afluencia como o verán ou as épocas de peregrinación, así como a mellora da puntualidade, a atención ás incidencias e a dispoñibilidade de prazas.

O Grupo Popular reclama tamén que o goberno municipal exerza o seu papel como administración máis próxima, defendendo os intereses da vila ante as institucións competentes. “Non podemos permitir que Sarria quede desconectada mentres se deterioran uns servizos básicos para a nosa economía, o turismo e o benestar da veciñanza”, concluíu López.

⚙ Configurar cookies
0.15107488632202