O PP de Sarria pide a comparecencia do alcalde na comisión de investigación polo matadoiro
Os concelleiros do PP de Sarria reiteran a solicitude de comparecencia tanto da concelleira responsable do servizo do matadoiro municipal coma do alcalde diante a comisión de investigación.
“O alcalde debe render contas e deixar de mentir: a comisión non se pechou por acordo dos grupos, senón unilateralmente polo alcalde para evitar dar explicacións”, expón a portavoz, Carmen José López.
O peche ou suspensión unilateral da comisión produciuse precisamente na reunión de xaneiro, xusto despois de que Geni Valcárcel e o propio Claudio Garrido descartasen comparecer nesa última comisión de investigación.
Os populares recordan que entón fixeron una petición expresa e por escrito para que ambos compareceran co fin de “dar resposta ás preguntas que tiñamos todos nós”. Porén, a proposta foi rexeitada polo rexedor sen sometela a votación, xusto antes de anunciar que deixaba en suspenso as reunións da comisión.
Carmen José López afirma que “o lóxico é que as persoas encargadas do matadoiro expliquen as dúbidas que temos non só nós, senón todos os sarriaos e sarriás” e con máis motivo agora, que ao burato dos 200.000 euros súmase a investigación aberta polo Tribunal de Contas e a paralización do servizo.
A popular asegura que “o alcalde tomou unha actitude completamente ditatorial. Non deu explicacións de nada e agora pretende facer ver que a decisión de suspender a comisión foi consensuada cando a mesma contou co noso rexeitamento expreso”.
O Grupo Municipal do Partido Popular critica a “falta de transparencia e as mentiras fragrantes do rexedor” con este asunto que o único que pretende é “gañar tempo e tratar de que sirva de cortina de fume nunha situación e ante unha xestión municipal absolutamente indefendible”.