O PP de Sarria pide ao Goberno local que actúe nas rúas da vila para arranxar os desperfectos
O Partido Popular de Sarria denuncia “o pasotismo de Camiña Sarria, que pon en perigo diariamente aos viandantes”, con respecto a semáforos que non funcionan, pasos de peatóns borrados polo paso do tempo e destrozos sen arranxar nas beirarrúas.
Así, din que “o tempo pasa e os semáforos seguen sen arranxo, ao semáforo avariado dende hai meses no cruce entre as Rúas Matías López e Formigueiros súmase a non reposición do semáforo da rúa Calexa, que está a xerar un importante risco, xa que tampouco se tomaron medidas de advertencia para evitar atropelos”.
Por iso, ademais de pedir recentemente que poña fin á situación na que se atopa o servizo de limpeza e recollida de residuos, tamén esixen que o goberno local actúe de maneira urxente “para non ter que lamentar danos” nas rúas da vila.