O PP de Sarria pide explicacións sobre a suspensión do servizo do matadoiro municipal
Os concelleiros do PP piden explicacións ao Goberno de Camiña Sarria sobre a suspensión da prestación do servizo do matadoiro municipal, facéndose eco do malestar entre o sector porque “leva máis dunha semana pechado” e esíxenlle “unha previsión de cando se recuperará a actividade”. Nese sentido, piden “máis dilixencia e axilidade para que a situación do matadoiro se resolva o antes posible”.
Os populares interesáronse no último pleno por coñecer o motivo polo que o servizo non está dispoñible ante o que o equipo de goberno evidenciou, segundo valora a voceira, “a súa incompetencia para a xestión do mesmo”. A suspensión do servizo confirma o "desinterese do Goberno de Camiña Sarria respecto deste servizo do que xa se intentou desfacer ao principio do mandato, xusto antes de destaparse o burato de 200.000 euros que aínda está pendente de investigación xudicial", explican.
Ao día seguinte de que o Grupo Municipal do Partido Popular trasladase ao último Pleno as queixas dos usuarios sobre a suspensión do servizo, o alcalde ditou un decreto polo que acordou suspender a prestación do servizo de matadoiro ata que poida garantirse "a salubridade e hixiene das carnes con destino ao consumo humano”.
Se ben a resolución oficial data do venres, o día seguinte do Pleno, o matadoiro levaba días sen ofrecer o servizo habitual. Esta situación súmase ao "escándalo" polo burato de 200.000 euros nas arcas municipais en relación ao matadoiro despois de que “Intervención xa advertirada grave irregularidade de que o cobro do servizo se levase a cabo sen o control necesario”.
O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria tense personado como acusación no procedemento penal seguido ante o Xulgado de Sarria para “coñecer os detalles do caso do burato dos 200.000 euros e defender os intereses dos veciños e veciñas”.