O PP de Sarria pide inspeccionar, reparar ou restituír os elementos deteriorados do municipio

SarriaXa
Os populares explican que “o mobiliario urbano é un elemento esencial para a imaxe, seguridade e comodidade dos veciños e veciñas do noso municipio"
Desperfectos-mobiliario-Sarria
24 Apr 2025

O PP de Sarria advirte do “deterioro e abandono do mobiliario urbano en distintos puntos do municipio” que, ademais de ofrecer unha “imaxe de deixadez”, pode xerar “situacións de risco” para a cidadanía e, especialmente, para persoas maiores, nenos e persoas con mobilidade reducida.

Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Popular pedirán o apoio dos distintos grupos no vindeiro Pleno para urxir ao goberno local a inspeccionar o seu estado, reparar ou restituír os elementos deteriorados priorizando aqueles que supoñan un risco para as persoas e, máis a longo prazo, deseñar un plan de mantemento periódico e preventivo con dotación orzamentaria suficiente.

Os populares explican que “o mobiliario urbano é un elemento esencial para a imaxe, seguridade e comodidade dos veciños e veciñas do noso municipio. Bancos, papeleiras, sinais, farois, xogos infantís, entre outros, contribúen a mellorar a calidade de vida e á imaxe nos espazos públicos e fomentan o uso responsable e compartido do entorno urbano. Pero nos últimos tempos pódese constatar a presenza de bancos e papeleiras en mal estado, farois apagados, elementos vandalizados ou directamente desaparecidos", explican.

Carmen José López incide en que “é responsabilidade do goberno municipal garantir o mantemento e conservación do espazo público, polo que entendemos urxente acometer actuacións para reparar, repoñer e conservar en condicións óptimas o mobiliario urbano”.

⚙ Configurar cookies
0.14703488349915