O PP de Sarria pide que o Goberno local "resolva a problemática" do lixo na vila

SarriaXa
A portavoz, Carmen José López, expresa que "a situación é vergoñosa: proxecta unha imaxe lamentable da localidade e tamén compromete a saúde pública"
Lixo-sen-recoller-escola-Xela-Arias-Sarria
18 Dec 2024

O PP de Sarria levará ao próximo pleno municipal "o problema do manexo de residuos e a sucidade nas rúas da nosa localidade", esixindo ao goberno local que "resolva esta situación insostible".

A portavoz, Carmen José López, expresa que "a situación é vergoñosa: proxecta unha imaxe lamentable da localidade e tamén compromete a saúde pública". Ademais, destaca que "impacta indirectamente aos traballadores do servizo de recolección e as súas condicións laborais".

Fronte aos atrasos e "insuficientes" xustificativos do alcalde e o goberno de Camiña Sarria, quen en setembro prometeron que o contrato estaría licitado en novembro, os populares solicitarán no pleno "un compromiso firme para axilizar unha nova licitación do servizo, cun calendario e folla de roteiro claros, asegurando a continuidade da recolección en todas as parroquias; ademais de medidas para unha mellora inmediata do servizo".

Os concelleiros do Partido Popular esixen que se aceleren os trámites necesarios para contratar de inmediato o servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, buscando unha prestación adecuada e eficiente deste esencial servizo. Así mesmo, piden ao alcalde que explique con detalle as medidas anunciadas respecto a a centralización da recollida na área rural, garantindo que non haxa recortes nos servizos prestados aos distintos núcleos do municipio e que se manteña unha distribución equitativa.

A través desta iniciativa, o PP tamén busca que o pleno inste o goberno municipal a adoptar medidas urxentes para mellorar a situación actual, priorizando a substitución de contedores deteriorados e a limpeza excepcional das áreas máis afectadas. Os populares esixen un compromiso do goberno local para establecer un calendario claro e accesible cos pasos necesarios para regularizar a prestación do servizo, incluíndo as datas para a publicación do novo contrato e os prazos de execución.

A portavoz do PP resalta que "o goberno municipal é incapaz de xestionar as súas competencias en servizos básicos", como se evidencia en "a acumulación de residuos en contedores que están desbordados e en mal estado. Ademais, o seu número é claramente insuficiente".

ANTECEDENTES

O servizo de recollida de lixo opera desde agosto de 2020 sen un contrato formal, "unha irregularidade denunciada en múltiples ocasións tanto polos empregados da empresa concesionaria como por este Grupo Municipal do Partido Popular".

En setembro de 2020, o goberno municipal achacou o atraso á falta de aprobación dos orzamentos, pero desde entón aprobáronse novas partidas tanto en 2022 como no exercicio actual, sen resolver a problemática.

"A inacción do goberno local está a agravar unha situación xa insostible", afirman os populares. Ademais, as declaracións do alcalde sobre centralizar a recollida en puntos específicos do medio rural "requiren aclaracións para evitar reducir ou recortar os servizos nos diferentes núcleos do municipio", conclúen.

0.15304899215698