O PP de Sarria pide que se acondicionen os parques e espazos de xogo das parroquias

SarriaXa
"Non abonda con quitar o que está mal: hai que arranxalo, repoñelo e coidar destes espazos que son importantes para a vida nas nosas parroquias”, din os populares
Parque-infantil-sen-rozar-no-Mato-Sarria-PP
12 Apr 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria pídelle ao Goberno local que acondicione os parques e espazos de xogo das parroquias ante o seu “estado de abandono e desleixo".

Así, a portavoz, Carmen José López, dixo que "co comezo do bo tempo, urxe que o Concello adopte medidas inmediatas para mellorar e recuperar os parques infantís do rural de forma que poidan servir como lugar de encontro e de esparexemento para os máis pequenos”.

Os populares xa solicitaran en diversas ocasións actuar no coidado e mantemento destes espazos nas parroquias de Belante, Ferreiros ou O Mato e os elementos de xogo nos parques de Belante ou Ferreiros retiráronse sen substituílos.

"O resultado é un espazo inutilizado e unha mostra máis do abandono que sofren moitos puntos do rural sarriao por parte do goberno local”.

López incidiu en instar ao goberno de Camiña Sarria a reverter o antes posible o desmantelamento de instalacións como a de Belante, "unha necesidade que nos traslada a veciñanza e que entendemos que debe ser de atención urxente tendo en conta, ademais, á súa situación, en pleno Camiño de Santiago e á negativa imaxe que está a trasladar do noso municipio”.

Ademais do caso de Belante, os populares denuncian “o mal estado xeneralizado de moitos parques rurais, con columpios rotos, maleza e vexetación descontrolada, elementos deteriorados e unha preocupante falta de mantemento e seguridade”.

O Grupo do PP esíxelle ao goberno municipal cumprir os acordos adoptados no Pleno: a reposición de elementos retirados, unha revisión completa do estado actual das áreas de xogo e intervencións de mellora e mantemento, tanto correctivo como preventivo. “Non abonda con quitar o que está mal: hai que arranxalo, repoñelo e coidar destes espazos que son importantes para a vida nas nosas parroquias”, conclúe Carmen José López.

⚙ Configurar cookies
0.12068104743958