O PP de Sarria pide que se instalen na vila puntos de recarga para automóbiles eléctricos

SarriaXa
Os populares consideran fundamental o impulso do uso de vehículos eléctricos, xa que contribúuen á diminución das emisións contaminantes
Sarria-portada-principal
30 Jan 2025

O Grupo Municipal Popular de Sarria levará a pleno unha proposta para que o Concello coloque puntos de recarga para automóbiles eléctricos e reduza o imposto de circulación, co obxectivo de fomentar un modelo de transporte máis sostible e diminuír a polución. Segundo destacan, esta iniciativa xa está sendo aplicada noutros concellos da provincia e da comarca.

A voceira, Carmen José López, sinala que "municipios como Lugo, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei ou Paradela xa contemplan rebaixas nas súa normativas municipais, mentres que outros, como Triacastela ou O Incio, xa dispoñen de puntos de carga públicos". Isto, segundo explica, permite "ampliar a infraestrutura de recarga e favorecer a transición enerxética no medio rural", tendo en conta que "cada vez máis condutores optan pola mobilidade eléctrica".

Os populares sosteñen que "a mobilidade sostible e a loita contra o cambio climático son desafíos prioritarios para as administracións públicas". Neste contexto, consideran fundamental o impulso do uso de vehículos eléctricos, xa que contribúuen á diminución das emisións contaminantes, melloran a calidade do aire e reducen a dependencia dos combustibles fósiles.

O desenvolvemento desta tecnoloxía precisa do respaldo das entidades locais para garantir a dispoñibilidade de infraestruturas e facilitar a adquisición e utilización destes vehículos. En concreto, a existencia de puntos de recarga é un dos factores determinantes para acelerar a transición cara á mobilidade eléctrica, ademais de promover incentivos e bonificacións dentro das competencias municipais.

A posta en marcha destas medidas non só reforzará a mobilidade sustentable no municipio, senón que tamén axudará a cumprir cos obxectivos de redución de emisións e de ruídos, dotando á cidadanía dun servizo en constante crecemento. Ademais, estas accións poderán beneficiarse de axudas doutras administracións, o que minimizará o impacto económico para as arcas locais.

Por isto, propoñen que se realice un estudo para determinar os emprazamentos máis adecuados para a instalación de puntos de recarga, dando prioridade a espazos públicos e zonas con gran afluencia de persoas. E piden que se soliciten subvencións e axudas de programas estatais, autonómicos ou europeos para financiar estas infraestruturas.

En canto á bonificación no IVTM, propoñen modificar a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica para incluír descontos específicos para os vehículos eléctricos.

0.13508892059326