O PP de Sarria pide retirar a proposta de suba da taxa do lixo e reclama alternativas

SarriaXa
Os populares acusan ao goberno local de impulsar unha medida “desproporcionada e sen diálogo” e propoñen buscar un modelo consensuado
lixo-Sarria-PP
18 Oct 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular solicitou, no marco da Comisión de Contas, a retirada inmediata da proposta do equipo de goberno para incrementar a Taxa de Recollida de Residuos Sólidos Urbanos, coñecida como taxa do lixo. A formación popular reclama “diálogo e solucións asumibles” antes de aplicar “subas inxustas e desproporcionadas” que, segundo aseguran, prexudicarían aos veciños.

A voceira dos populares explicou que son conscientes da obriga establecida pola Lei 7/2022 de residuos e chans contaminados, que impón aos concellos a repercusión íntegra do custo da xestión do lixo, pero advertiu de que se trata dunha “decisión ideolóxica do Goberno central que se traduce nun novo sablazo fiscal que asfixia ás familias”.

O grupo recordou que, a nivel estatal, o Partido Popular xa presentou iniciativas no Senado, como proposicións de lei, para modificar a citada norma e eliminar a obriga de aplicar a taxa. “Non nos opoñemos a garantir a sostibilidade económica do servizo nin ao cumprimento da lei, pero esta proposta non é en absoluto asumible”, sosteñen.

Desde o PP sinalan ademais que a normativa deixa marxe aos concellos para decidir os criterios de aplicación da taxa, polo que instan ao goberno local a reconsiderar a súa postura e sentarse a dialogar con todos os grupos políticos para estudar alternativas que permitan financiar o servizo “de forma máis xusta e eficiente”.

Os populares coinciden en que é necesario licitar un novo contrato e regularizar unha situación que leva anos afectando á imaxe e á salubridade do municipio, pero insisten en que “existen solucións máis proporcionadas e asumibles para conseguilo”.

O Grupo Popular confía en que, unha vez a ordenanza foi retirada e queda sobre a mesa, o goberno municipal atenda a súa petición e demostre vontade de diálogo para consensuar un novo modelo de taxa “equitativo e socialmente aceptable”.

⚙ Configurar cookies
0.063889980316162