O PP de Sarria pide unha estratexia integral para mellorar a rede viaria rural

SarriaXa
Os populares propoñen un plan plurianual con avaliación técnica e partidas orzamentarias específicas para garantir unha mellora sostida das vías municipais
rural-Sarria
25 Sep 2025

O Grupo Municipal Popular de Sarria reclamou a elaboración dunha estratexia de mellora e aglomerado das vías da rede municipal no rural, co obxectivo de garantir a súa conservación e funcionalidade. A formación confía en contar co apoio de todos os grupos da corporación local para impulsar esta iniciativa, que consideran clave para o desenvolvemento económico e social do concello.

Segundo os populares, o plan debe incluír unha avaliación técnica que permita establecer unha priorización das actuacións en base a criterios obxectivos, como o estado actual do firme, a intensidade media de tráfico —especialmente o pesado— e a relevancia dos camiños como eixes de comunicación entre parroquias.

Unha vez elaborado e aprobado, defenden que se habiliten partidas orzamentarias que garantan a súa execución plurianual, o que permitiría unha mellora sostida e planificada da rede viaria rural. A situación actual, denuncian, presenta firmes deteriorados e numerosas fochancas derivadas do paso do tempo, das inclemencias meteorolóxicas e do aumento do tráfico pesado, o que supón un risco para a seguridade viaria e danos constantes nos vehículos.

“Este deterioro progresivo non só compromete a seguridade, senón que tamén dificulta o acceso a servizos básicos e afecta á calidade de vida no rural, podendo incluso favorecer o despoboamento”, advirten. Critican ademais que ata o de agora as actuacións leváronse a cabo de forma puntual, sen unha planificación estratéxica global, o que consideran ineficiente para resolver un problema estrutural.

Por iso, insisten en que a estratexia debe basearse nunha análise técnica e obxectiva de toda a rede municipal, priorizando segundo o grao de deterioro, a importancia das comunicacións e a intensidade do tráfico. Iso si, subliñan que esta planificación non debe impedir que se sigan realizando reparacións puntuais de mantemento para garantir a seguridade viaria ata a posta en marcha do plan integral.

⚙ Configurar cookies
0.085047960281372