O PP de Sarria pide unha solución definitiva á zona das casas dos mestres do Ceip Frei Luís de Granada

SarriaXa
Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Sarria denuncian o “bloqueo inxustificado” do Goberno municipal para dar unha solución definitiva á zona das antigas vivendas dos mestres do colexio Frei Luís de Granada.
PP Sarria casa dos mestres
6 Mar 2024

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Sarria denuncian o “bloqueo inxustificado” do Goberno municipal para dar unha solución definitiva á zona das antigas vivendas dos mestres do colexio Frei Luís de Granada.

A portavoz, Carmen José López, explica que “levan 728 días de bloqueo” porque “están a punto de cumprirse dous anos dende o primeiro requirimento de documentación que lle fixo a Xunta ao Concello de Sarria para poder tramitar a desafectación das antigas vivendas dos mestres, o 9 de marzo do 2022.

“Por non aportar a documentación requirida, levan todo este tempo bloqueando a posibilidade de derribar esas construcións, tal e como se acordou en pleno, para dotar a Sarria do primeiro parque cuberto”.

López subliña que “é incomprensible e inadmisible que estea tardando todo este tempo en aportar unha documentación administrativa básica, imprescindible para o cambio de uso ou derribo das construcións que, ademais, lle foi requirida pola Xunta en dúas ocasións”. De feito, a administración autonómica reiterou o requirimento o 14 de abril do pasado ano 2023.

Unha actitude "irresponsable"

Os populares de Sarria consideran “irresponsable” a actitude da concelleira encargada do asunto, Eugenia Valcárcel, e do alcalde, Claudio Garrido, como máximo responsable do Goberno municipal.

Así, piden que “polo ben de Sarria, deixen de facer demagoxia con este tema e cumpran coa súa responsabilidade para satisfacer o interese xeral”. Dende o Partido Popular advirten que, de continuar con esta actitude "irresponsable e omitindo as súas obrigas, estudarán outras medidas para forzar ao Goberno municipal a actuar e acabar co bloqueo desta situación, un bloqueo incomprensible e inxusto para a cidadanía de Sarria”, engade a popular.

“Á espera de que o Concello cumpra coa obriga que lle corresponde para darlle unha solución beneficiosa tanto para os veciños da zona coma para os alumnos do colexio anexo e a poboación en xeral, que disporía doutro espazo de ocio e encontro na vila; a Xunta colocou hai meses un peche provisional por motivos de seguridade”, conclúe.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13690996170044