O PP de Sarria pídelle ao Goberno local que atenda e mellore o barrio do Mazadoiro

SarriaXa
Concretamente, presentarán unha moción no próximo Pleno para pedir que se execute e amplíe o tramo de rúa que dá acceso desde a estrada de Lugo ao barrio do Mazadoiro
PP-Sarria-reunión-veciños-Mazadoiro
24 Nov 2024

O Partido Popular de Sarria esixirá no próximo pleno que o Concello execute e amplíe o tramo de rúa que dá acceso desde a estrada de Lugo ao barrio do Mazadoiro e que "está a supoñer un tapón para o desenvolvemento e o tráfico rodado desta zona".

Co obxectivo de trasladar ao Pleno o sentir dos veciños da zona, concelleiros do grupo municipal do Partido Popular mantiveron un encontro no que a veciñanza puxo de manifesto os trastornos que ocasiona o estreitamento na entrada da zona do Mazadoiro.

“A eliminación do tapón urbanístico nesa zona era unha vella demanda dos veciños do Mazadoiro e, unha vez que as construcións que impedían levar a cabo esta actuación foron no seu día derrubadas, non hai obstáculo nin escusa para proceder á mellora dos accesos ao barrio”, explica a voceira, Carmen José López.

Ademais, aproveitaron a reunión para valorar cos veciños outras deficiencias que afectan gravemente á zona como a falta de iluminación suficiente, o estado do parque (que se atopa practicamente desmantelado e abandonado, cos elementos de xogo rotos e oxidados e os bancos rotos), así como a necesidade de incluír medidas de seguridade para a redución de velocidade dos vehículos ou de mellorar o acceso, firme e canalizacións na rúa da Trea e o Camiño de Treilán.

Os populares xa tiñan trasladado anteriormente estas demandas, así como a necesidade de reparar o firme da ponte do Mazadoiro, que presenta zonas afundidas, baldosas rotas e múltiples charcos como consecuencia das obras de Adif, algo que xa foi reclamado no pleno durante este mesmo mandato.

“Esiximos que o Goberno de Camiña Sarria preste a debida atención ao barrio do Mazadoiro e que aproveite as actuacións que está levando a cabo con motivo das obras de renovación da auga e do saneamento para atender, sen máis atraso, as lóxicas e entendibles reivindicacións dos veciños”, conclúe a voceira, Carmen José López.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16319894790649