O PP de Sarria pídelle ao Goberno local que faga o necesario para poñer en marcha o matadoiro

SarriaXa
Sobre a situación do matadoiro, o Grupo Municipal do Partido Popular manterá unha reunión con representantes do sector para poñer en común as impresións e propostas
PP-matadoiro-Sarria
24 Oct 2024

O PP de Sarria considera que a “deixadez” do Goberno municipal co matadoiro foi “premeditada para abocar ao servizo á parálise actual”.

A portavoz popular, Carmen José López, considera que “a situación do matadoiro é a consecuencia directa da decisión de Garrido de desfacerse do deste servizo municipal”. De feito, considera que “a Garrido non lle importa o futuro de Sarria, nin os intereses dos sectores produtivos do municipio, por iso non tardou nin cinco anos en acabar cun servizo que levaba décadas funcionando. Antes de comezar este mandato, o propio Garrido tiña clara a súa intención de desfacerse do servizo”, denuncia.

De feito, “o alcalde non tardou nin un mes dende que tomou posesión de novo como alcalde en expoñer a súa intención; unha decisión que ocultou antes das eleccións enganando á xente e manobrando contra os intereses do municipio”, segundo subliña a popular. Atendendo ao acontecementos dos últimos meses, “resulta evidente que hai unha clara estratexia para rematar con este servizo”.

Os concelleiros do Partido Popular esíxenlle ao Goberno local que “arranxe as avarías, que supostamente tiña pensado arranxar en poucos días, e que abra o matadoiro de forma inmediata. Iso é o primeiro”, subliñan. “Despois, que se sente a falar da viabilidade respondendo tamén pola forma neglixente na que xestionou o servizo”.

Desta maneira, o Grupo Municipal do Partido Popular insta a levar a cabo as reparacións necesarias de cara a garantir, de forma urxente, o funcionamento do matadoiro nunha época no que este servizo é especialmente necesario, non só para o sector, senón para usuarios particulares”.

Ademais, sobre a situación do matadoiro, o Grupo Municipal do Partido Popular manterá unha reunión con representantes do sector para poñer en común as impresións e propostas que usuarios e afectados lles foron trasladando aos concelleiros do Partido Popular dende o peche do matadoiro.

0.15315890312195