O PP de Sarria presentará unha moción no pleno para velar pola seguridade da vila
Os concelleiros do grupo popular de Sarria presentarán unha moción pola instalación de cámaras de seguridade que aínda non se levou a cabo.
En maio de 2021 o Concello anunciou que estaba a estudar a instalación de cámaras de seguridade co fin de proporcionar tranquilidade e seguridade aos seus veciños e visitantes, cámaras que gravaban matrículas de vehículos, non persoas.
Nese anuncio facíase referencia a que os dispositivos buscaban dar unha solución de seguridade e evitar así roubos.
O anuncio estaba precedido dun acordo plenario de fai máis de dous anos, polo que se aprobaba a instalación de cámaras de seguridade ante os roubos que sufriron negocios e empresas na vila.
Ao longo deste tempo o PP levou adiante diversas iniciativas plenarias para que o Goberno cumprira o acordado. Pese a isto, os roubos continúan producíndose de maneira periódica nas distintas empresas sarriás sen que se avance na instalación de ditas medidas de seguridade.
Ademais, o PP afirma que diversos empresarios da vila trasladáronlles a súa preocupación polo escaso número de efectivos da Garda Civil reclamando que se aumente o persoal no cuartel de Sarria e na Comarca.