O PP de Sarria propón a elaboración dun Plan Municipal de Prevención e Xestión de Inundacións

SarriaXa
Carmen José López destacou que entre as zonas máis vulnerables atópase o barrio das Insuas, que xa sufriu varias inundacións severas tras curtos períodos de fortes choivas
PP-de-Sarria-á-beira-do-río-Celeiro-rio-pequeno
22 Jan 2025

O Grupo Municipal Popular de Sarria levará ao vindeiro pleno unha proposta para que a corporación local inste ao Goberno municipal a desenvolver e presentar un Plan Municipal de Prevención e Xestión de Inundacións.

A portavoz popular, Carmen José López, subliñou a importancia de tomar medidas ante posibles emerxencias e expresou a súa esperanza de que todos os grupos políticos da corporación apoien esta iniciativa.

A proposta popular inclúe a identificación e avaliación das zonas do municipio máis expostas a inundacións, tanto nas áreas urbanas como rurais. Tamén recolle as directrices mínimas establecidas polo Plan Especial de Protección Civil INUNGAL e a implementación de sistemas de alerta temperá e comunicación efectiva coas persoas veciñas para mellorar a prevención e reducir os danos.

Sarria lidera a lista de localidades da provincia con maior risco de inundacións, sendo un dos municipios obrigados a contar cun plan específico para a xestión deste tipo de emerxencias. De feito, é o municipio galego cun maior número de inmobles expostos a inundacións.

Carmen José López destacou que entre as zonas máis vulnerables atópase o barrio das Insuas, que xa sufriu varias inundacións severas tras curtos períodos de fortes choivas. Outras áreas como os barrios da Estación, A Pontevella e varias rúas do centro urbano tamén presentan riscos significativos, o que pon en perigo tanto á poboación como ás infraestruturas. Tamén se identifican como zonas inundables outras áreas do municipio como a Ribela, Vigo de Sarria, Vilar de Sarria, A Veiga, Manán e Céltigos, afectando a numerosas vivendas e empresas.

O PP solicitou ao goberno municipal que asuma a súa "responsabilidade" e cumpra co Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL), que esixe aos concellos con áreas de risco relevante, como Sarria, que elaboren un Plan de Actuación Municipal fronte ás inundacións.

López tamén destacou que a crecente frecuencia e intensidade dos fenómenos meteorolóxicos extremos, como as cicloxéneses explosivas, aumenta o risco de inundacións, o que fai que a adopción de medidas preventivas sexa "máis necesaria e urxente que nunca".

0.1569550037384