O PP de Sarria propón recuperar e ampliar a praia fluvial do Chanto

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria levará ao Pleno municipal unha proposta para a recuperación e ampliación da praia fluvial de O Chanto.
A iniciativa inclúe a realización dos estudos técnicos e ambientais necesarios para garantir a viabilidade e sostibilidade do proxecto.
Os populares consideran fundamental a posta en marcha dun proxecto integral de recuperación da zona recreativa, tal e como xa fora aprobado anteriormente. Para iso, reclaman que se inclúan nos orzamentos municipais as partidas necesarias para a execución das obras.
A praia fluvial de O Chanto, creada en 1961, foi un espazo emblemático para os veciños e veciñas de Sarria, ademais de supor un atractivo importante para visitantes. O espazo proporcionaba un contorno natural e de lecer que é lembrado con cariño por diferentes xeracións.
Con todo, a portavoz do PP en Sarria, Carmen José López, lamenta que a zona sufrira un progresivo deterioro nos últimos anos. "A día de hoxe, xa non pode definirse como praia fluvial, xa que non existe unha zona de baño apta para o seu uso", explica. A rotura da presa, a falta de mantemento e a degradación das infraestruturas convertérona nunha área desaproveitada, malia o seu potencial para o lecer, o turismo e a realización de actividades deportivas e culturais.
López critica que o goberno municipal non executara as melloras aprobadas en Pleno a petición do PP, nin no anterior mandato nin no actual.
No entanto, sinala que a recente adquisición de novas parcelas na zona por parte do Concello, incluíndo unha na beira do Río Sarria, abre a porta á recuperación e ampliación da praia fluvial.
Desta maneira, evitarase que os veciños que buscan espazos naturais para o baño deban desprazarse a outros municipios da comarca, ademais de contribuír á diversificación da oferta de ocio en Sarria.