O PP de Sarria propón un plan de dinamización integral para o aproveitamento da praza de abastos

SarriaXa
Os populares agardan contar co apoio do resto de grupos da corporación local para instar ao goberno local no pleno a elaborar este plan
PP-na-Praza-de-Abastos-de-Sarria
31 Out 2024

O PP de Sarria propón a elaboración dun plan de dinamización integral para o aproveitamento da praza de abastos que leva semanas pechada “ante a pasividade do goberno municipal”.

Os populares agardan contar co apoio do resto de grupos da corporación local para instar ao goberno local no pleno a elaborar este plan no que se inclúan programas de promoción, mellora da infraestrutura e modernización das instalacións co fin de adecualas ás necesidades de novos comerciantes e usuarios.

Os concelleiros do Partido Popular cren que “este plan debe contemplar a participación activa dos comerciantes e outros actores locais” e incluír “o establecemento dun sistema de seguimento e avaliación para medir a efectividade das accións implementadas, asegurando así unha mellora continua e a adaptación do plan ás necesidades cambiantes dos comerciantes e usuarios”.

A praza de abastos de Sarria foi historicamente un punto de actividade comercial, pero “nos últimos anos veu sufrindo unha diminución na actividade que se traduce nunha perda de afluencia de visitantes e de comerciantes ata chegar á situación actual na que non parece que exista preocupación nin planificación por parte do goberno municipal para garantir a súa continuidade”, segundo lamenta a portavoz, Carmen José López.

“É máis evidente que nunca a necesidade de adoptar medidas para revitalizar este servizo e facela máis atractiva tanto para posibles praceiros como para visitantes. A dinamización deste espazo, nunha das rúas máis transitadas da vila, non só pode contribuír ao desenvolvemento de pequenos produtores e emprendedores, senón tamén a favorecer a economía local e promover o encontro e cohesión social entre os veciños”, segundo defende a popular.

López sinala que “é esencial potenciar este espazo a través de accións innovadoras que integren tanto a oferta tradicional como novas actividades”. É por iso polo que o plan de dinamización “debe incluír actividades culturais e gastronómicas, melloras na infraestrutura e o fomento da oferta comercial, así como a adecuación do espazo aos novos hábitos de consumo”.

0.17570805549622