O PP de Sarria propón un plan de mantemento permanente para as pistas municipais

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria presentará no próximo Pleno municipal unha moción para a creación dun plan de mantemento permanente das pistas municipais.
O obxectivo desta iniciativa é garantir a seguridade viaria, prolongar a vida útil das infraestruturas e mellorar a accesibilidade nas distintas zonas do municipio, especialmente nas áreas rurais.
A portavoz do PP, Carmen José López, subliñou a necesidade dun mantemento planificado e constante: "A veciñanza de Sarria non pode seguir dependendo de actuacións puntuais e apresuradas só o ano antes das eleccións. É imprescindible un mantemento continuo que asegure o bo estado e a conservación das nosas vías durante todo o tempo e sen depender do calendario electoral".
A proposta contempla a elaboración dun calendario de actuacións periódicas para a reparación e acondicionamento do firme, así como un programa de limpeza e roza de cunetas para garantir o correcto drenaxe das vías e evitar que a auga circule sobre o pavimento, acelerando o seu deterioro, como xa ocorre en varias zonas do municipio.
Ademais, o PP insta ao Concello a destinar os recursos necesarios para a execución deste plan, priorizando as zonas máis afectadas e con maior tráfico. A moción tamén inclúe a solicitude de colaboración e subvencións doutras administracións supramunicipais para garantir o financiamento das actuacións previstas, en liña coas axudas que a Xunta xa destina aos concellos a través da Consellería de Medio Rural.
"Non queremos ver máis parches de última hora. Apostamos por un plan realista e eficaz que permita evitar problemas maiores e aforrar custos a longo prazo", engadiu López.
A moción será debatida no Pleno Municipal deste xoves, onde o Partido Popular espera contar co respaldo do resto de grupos municipais para sacar adiante esta iniciativa en beneficio de toda a cidadanía.