O PP de Sarria quere aproveitar e reforzar a rede do Partido no municipio
O Comité Executivo do PP de Sarria contou coa presenza dos concelleiros do Grupo municipal, así como da presidenta Provincial do PP de Lugo, Elena Candia.
Durante esta xuntanza, analizouse a situación política, fíxose fincapé en planificar o traballo dos próximos meses co obxectivo de seguir achegando e abrindo o partido á veciñanza para facelos participes do proxecto do Partido Popular para mellorar Sarria.
Por parte do Grupo Municipal do PP de Sarria, coa súa voceira Carmen José López á cabeza, trasladaron a importancia de aproveitar e reforzar a rede coa que o Partido conta no municipio, “un eixo fundamental para estar apegados á realidade dos distintos núcleos de Sarria e poder continuar atendendo e trasladando ao pleno as reivindicacións e necesidades que se poñen de manifesto a nivel local”.
Precisamente, chegar a todos os colectivos e zonas é unha das accións que se pretenden intensificar dende o Grupo Municipal, co obxectivo de aportar participación e talante democrático a un goberno local, que nestes 6 meses "demostrou a súa falta absoluta de capacidade de diálogo e transparencia", explican os populares.