O PP de Sarria reclama a conservación do parque de Castro Agrasar

SarriaXa
Os populares alertan do deterioro visible dun espazo clave para o lecer e esixen unha intervención continuada do goberno municipal
Parque-das-Ínsuas-Sarria
24 Sep 2025

O Grupo Municipal Popular de Sarria presentou unha moción para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno municipal, instando a unha conservación adecuada do parque de Castro Agrasar, máis coñecido como parque das Ínsuas. Os populares denuncian o “deterioro visible” deste espazo, que consideran esencial para a localidade e o barrio.

Segundo destacan, o parque das Insuas é un punto de encontro da veciñanza, destinado ao paseo, ao descanso e ao xogo. Non obstante, afirman que “o estado actual do parque non reflicte a súa importancia nin posibilidades”, atribuíndo a situación á “falta dun mantemento continuado” por parte do goberno municipal.

Entre as deficiencias, resaltan que as fontes ornamentais e de uso público están “fóra de servizo ou en estado de abandono”, e que o estanque atópase cuberto de maleza e cheo de sucidade por unha “alarmante ausencia de mantemento”. Ademais, alertan de que a senda supostamente peonil está aberta ao tráfico de vehículos ao retirarse os obstáculos que impedían o acceso rodado.

Esta situación de “abandono parcial” non só limita o pleno desfrute dun espazo que pertence á veciñanza, senón que tamén transmite “unha imaxe de desidia” que se suma á doutros espazos públicos. O PP subliña que as “actuacións puntuais non son suficientes” e aposta por unha “intervención decidida” e permanente no tempo.

A proposta busca que o Pleno inste ao goberno municipal a actuar na conservación e recuperación do parque, co obxectivo de devolverlle a súa plena funcionalidade e bo estado. O Grupo Popular enmarca esta iniciativa nas súas solicitudes reiteradas para recuperar e sanear espazos públicos, lembrando as actuacións pedidas tanto no núcleo urbano como no rural para garantir o bo estado do patrimonio común.

⚙ Configurar cookies
0.051867008209229