O PP de Sarria reclama a exención de taxas para o comercio local
O Partido Popular de Sarria defenderá no pleno deste xoves unha moción para que se amplíe a empresas, autónomos e comercio local da localidade a supresión das taxas municipais anunciadas polo goberno local para a hostalería e o turismo.
O Concello de Sarria está a elaborar un decreto polo que os establecementos de hostalaría e turismo quedarán exentos do pago das taxas de auga, saneamento e lixo durante o período de peche obrigatorio polas restricións da covid-19, que comezara o pasado 27 de xaneiro.
Os populares consideran esta axuda "unha pequena limosna", que calcularon que suporá uns "60 euros" por negocio, e denuncian que o Concello sarriano "segue a ser o único da provincia sen axudas a pemes e autónomos". Por iso, ven "necesario" ampliar dita exención "a tódalas empresas, autónomos, e de forma nominativa ao comercio local, que tamén están nunha situación moi complicada e de baixa de actividade". Solicitan ademais que non se cobre o IBI a empresas e autónomos.