O PP de Sarria reclama ao Goberno local unha solución urxente ante o deterioro do servizo de recollida de lixo

SarriaXa
Os populares critican a acumulación de residuos e o mal estado dos colectores e acusan ao executivo municipal de inacción tras cinco anos sen contrato de limpeza
lixo-Sarria-PP
8 Jul 2025

O Partido Popular de Sarria volveu denunciar o estado deficiente do servizo de recollida de lixo na vila, advertindo de que a presenza de colectores rotos, sucios e con residuos acumulados nas rúas continúa sendo unha imaxe habitual no municipio.

A formación acusa ao Goberno local de manter unha actitude de deixadez fronte a un problema que, segundo din, se agrava coa chegada do verán debido á calor, os cheiros e a insalubridade.

“A imaxe da nosa vila non pode ser esta. A veciñanza non merece esta deixadez”, sinalan desde o PP, que acompañan as súas críticas con fotografías que ilustran o estado dalgúns puntos de recollida.

O grupo popular reclama unha solución inmediata e lembra que o contrato do servizo leva caducado cinco anos, situación que, ao seu xuízo, impide dotar o servizo dos medios necesarios para garantir unha xestión axeitada. “Seguimos pendentes e esixindo ao Goberno local unha resposta urxente ante un problema que empeora día a día”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.1523859500885