O PP de Sarria reclama do goberno local que dote de contido ao portal de transparencia
O portavoz do Partido Popular en Sarria, José Manuel Bello Rodríguez, presentou unha iniciativa para mellorar a transparencia do Concello porque non recibiron resposta ás solicitudes feitas respecto dos 116 contratos menores aos que fai referencia a interventora municipal no seu informe sobre control financeiro, no pleno extraordinario do pasado 13 de xaneiro.
Os populares demandan que se dote de contido real ao portal de transparencia existente na páxina da sede electrónica do concello de Sarria, e que se cumpra co establecido no artigo 5 da Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
Nesta disposición establécese que "(...) a información suxeita ás obrigas de transparencia será publicada na correspondentes sedes electrónicas ou páxinas web e dunha forma clara, estruturada e entendible para os interesados (...)".
Na mesma iniciativa lémbrase que no artigo 8 da antedita lei, determínase que "(...) os suxeitos incluídos no ámbito de aplicación deste titulo deberán facer pública, como mínimo, a información relativa aos actos de xestión administrativa con repercusión económica ou orzamentaria”, o que afecta a “todos os contratos, con indicación do obxecto, duración e importe da licitación e de adxudicación, o procedemento utilizado para a súa celebración, os instrumentos a través dos que, no seu caso, se publicou, o número de licitadores participantes no procedemento e da identidade do adxudicatario, así como as modificacións do contrato".
Esixen que se publiquen os contratos menores feitos durante a lexislatura
Os populares denunciaron que no portal de transparencia do Concello de Sarria desde o mes de xuño de 2019 "tan só constan decretos relacionados con 41 contratos menores", polo que, din, "constátase que non se está a cumprir co artigo antedito polo que esiximos a súa inmediata observación e que se proceda a facer pública unha listaxe dos contratos menores realizados durante toda a lexislatura".
Deberá constar "polo menos, o seu obxecto, duración e importe de adxudicación, incluído o Imposto sobre o Valor Engadido e a identidade do adxudicatario, ordenándose os contratos pola identidade do adxudicatario”, requisitos exixidos no artigo 63.4 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público", explican.
Na mesma iniciativa, o grupo popular pide que se habilite o acceso aos concelleiros do Partido Popular aos expedientes dixitais dos 116 contratos obxecto do informe financeiro desfavorable da interventora municipal relativo ao ano 2021, "para levar a cabo a función de control e fiscalización dos órganos de goberno propia dos membros que conforman o Pleno do Concello".