O PP de Sarria reclama unha estratexia municipal contra a soidade non desexada

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria presentou unha moción para o próximo Pleno na que insta ao goberno local a impulsar unha Estratexia Municipal Integral de Atención á Soidade non Desexada e Fomento do Envellecemento Activo. A iniciativa pretende crear unha estrutura de apoio que chegue a todo o concello, facendo fincapé na necesidade de deseñar respostas específicas tanto para o casco urbano como para o amplo territorio rural sarriao.
Segundo o PP, o Concello non pode permanecer á marxe ante o desafío que supón o progresivo envellecemento da poboación e debe avanzar cara a un modelo que vaia máis aló da asistencia básica. Por iso, a proposta aposta por reforzar as políticas de prevención, estimulando a participación comunitaria, as relacións interxeracionais e a actividade social das persoas maiores para manter unha vida activa e vinculada á comunidade.
Un dos piares centrais da moción é a creación de protocolos de detección temperá de situacións de illamento, coordinados cos servizos de proximidade e axentes presentes no día a día da vida municipal. O PP defende que esta “rede de alerta” permitiría identificar casos de soidade non desexada de maneira proactiva, evitando que este fenómeno avance sen resposta institucional.
Ademais, os populares reclaman que o plan sexa elaborado de forma consensuada, contando coa participación dos diferentes grupos políticos, os servizos técnicos municipais e o tecido asociativo e institucional de Sarria. O obxectivo final, subliñan, é garantir que ningunha persoa maior se sinta soa e que todas dispoñan de oportunidades para seguir contribuíndo á sociedade.