O PP de Sarria solicita á Xunta a reparación da rúa Becerreá

SarriaXa
A voceira popular reuniuse co delegado territorial e o director da AXI para trasladar a urxencia dunha actuación integral nesta vía da vila
Xuntanza-PP-de-Sarria-Xunta
21 Oct 2025

O Partido Popular de Sarria trasladou formalmente á Xunta de Galicia a necesidade de acometer obras de reparación na rúa Becerreá, que coincide co trazado da estrada autonómica LU-635 ao seu paso pola vila.

A voceira do Grupo Municipal do PP mantivo unha xuntanza de traballo en Lugo co delegado territorial da Xunta e o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), co obxectivo principal de expor o deterioro e a importancia desta vía de comunicación.

Durante o encontro, a representante popular solicitou unha actuación integral no firme, argumentando que se trata dun momento idóneo para executar a obra. “Aproveitando a visita e a presenza de maquinaria destinada a outras infraestruturas na zona, trasladamos a posibilidade de acometer unha obra similar na Rúa Becerreá”, explicou.

A voceira destacou tamén a boa disposición dos responsables autonómicos, aos que agradeceu a súa receptividade. “Queremos agradecer a predisposición amosada tanto polo delegado territorial como polo director da AXI para estudar e atender a nosa solicitude de reparación da LU-635 e seguir mellorando as vías de titularidade autonómica en Sarria”, indicou.

Desde o Grupo Municipal do Partido Popular agardan que este compromiso se traduza nunha actuación próxima que mellore a seguridade e o estado desta importante vía de acceso da vila.

⚙ Configurar cookies
0.07279896736145