O PP de Sarria denuncia a situación "moi grave" con respecto ao 'catastrazo'

SarriaXa
O Partido Popular de Sarria solicita a celebración dunha sesión plenaria extraordinaria en relación co Procedemento Simplificado de Valoración Colectiva, o catastrazo, que "afectou aproximadamente a uns seis mil propietarios e dez mil parcelas da nosa zona rural e que tivo o seu inicio no ano 2018".
27 Dec 2022

Indican que o pasado 17 de novembro procedeuse por parte da Dirección Xeral do Catastro a declarar a súa nulidade por caducidade nas notificacións, e o 21 iniciouse por parte do Catastro un novo Procedemento Simplificado de Valoración Colectiva, cuxas notificacións chegaron, ou están a chegar, aos afectados, e "nesta ocasión, en prazo".

Os populares apuntan a que "é realmente moi grave" que a día de hoxe non se saiba nada con respecto da devolución das cantidades cobradas no procedemento anulado, "nin tampouco cando e como se vai levar a cabo o pago das cantidades correspondentes ao procedemento agora iniciado".

Demandan que se lle facilite "información clara e detallada sobre as cantidades cobradas, en que organismo ou institución se atopa o diñeiro e como e cando se vai a proceder á súa devolución aos afectados".

Así, o grupo municipal do PP de Sarria reclama que a devolución se faga "o máis axiña posible", e que non se faga ningún cobro do novo procedemento "mentres non se leve a cabo a mesma". No caso de que non haxa posibilidades de anulación do mesmo, esixen que "se busquen as fórmulas para que resulte o menos gravoso posible para os afectados".

0.17777800559998