O PP de Sarria solicitará a comparecencia da concelleira responsable do matadoiro

SarriaXa
O Partido Popular considera que a situación na que se atopa o matadoiro “é consecuencia directa da desatención do equipo de goberno"
PP-matadoiro-Sarria
30 Out 2024

O PP de Sarria solicitará no vindeiro pleno a comparecencia da concelleira responsable do matadoiro, Geni Valcárcel, co fin de que, no próximo pleno ordinario ou extraordinario, informe sobre a xestión do servizo e responda de forma clara e detallada ás preguntas formuladas polos membros da corporación municipal e defina a planificación e estratexia para garantir a continuidade do servizo.

O Partido Popular considera que a situación na que se atopa o matadoiro “é consecuencia directa da desatención do equipo de goberno e, concretamente, da propia concelleira delegada” que, segundo lles trasladan, “nin sequera pasaba polas instalacións a supervisar o funcionamento do matadoiro”.

Así, din que "temos claro que as cousas non se xestionan soas, levar un matadoiro require dedicación e traballo, e o feito de que nin a propia concelleira e o alcalde nin sequera detectasen que non se ingresaban os cartos é unha clara mostra desta falta absoluta de dilixencia”, asegura a portavoz, Carmen José López.

“O propio alcalde tomou unilateralmente a decisión de pechar o matadoiro e de facelo, ademais, no momento máis inoportuno a pesar de que podía ter arranxado xa as supostas deficiencias”, engade.

Ao mesmo tempo, os concelleiros do Partido Popular avogan pola unidade de toda a oposición para evitar que continúe a situación de peche, “o de Camiña Sarria é un goberno en minoría, se todos os grupos da oposición temos claro que o obxectivo común é a continuidade do matadoiro, a estratexia é clara: sumar as forzas para reverter a situación”. Así o comunicaron durante unha reunión con representantes do sector afectado polo peche do matadoiro.

0.36652302742004