O PP de Sarria urxe ao Goberno local “solucionar a situación da recollida do lixo"
Os concelleiros do PP de Sarria urxen ao goberno de Camiña Sarria “solucionar a situación da recollida do lixo” ante a súa acumulación que agora se intensifica cos problemas postos de manifesto coa recollida do contedor azul, das papeleiras e na proliferación de ratas en distintos puntos.
Os populares xa advertiran da situación e engaden que “vai a peor no entorno dos colexios; motivos polos que veciños, nais e pais de alumnos nos teñen trasladado as súas queixas”.
O Grupo Municipal do Partido Popular vén denunciando a situación do servizo de limpeza e recollida de lixo dende hai tempo e cada vez apréciase máis nas rúas ante unha “imaxe de descoido, abandono e sucidade”. Incluso, “pode derivar en situacións de insalubridade”.
Así, din que “as rúas non están limpas como deberan, os contedores están moito deles estragados e a pesar diso non se repoñen, a imaxe que traslada Sarria é de sucidade e agora os veciños e veciñas temos que convivir con ratas polas rúas; mentres o alcalde e o goberno miran para o outro lado”, condena a portavoz, Carmen José López.
López sinala que “este é un novo caso da pésima xestión por parte do goberno de Claudio Garrido” que se suma á incapacidade para xestionar o matadoiro municipal, pechado dende hai máis dun mes, ou ao seu empeño por adxudicar contratos millonarios para o deficiente servizo do alumeado público.
“Estamos ante un Goberno Municipal ineficiente que evita afrontar os problemas e buscar solucións, esta é a enésima mostra dunha pasividade que prexudica seriamente ao municipio”, conclúe López.