O PP denuncia fochancas de máis de 15 centímetros na LU-P-2904 ao seu paso por Santa Comba
“Nin no Concello de Lugo, onde Tomé coñeceu a dúas alcaldesas afíns, se libran do perigo que supón o nefasto estado de mantemento das estradas provincias”. Así o explica o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, despois de comprobar o alarmante estado da LU-P-2904 ao seu paso pola parroquia lucense de Santa Comba.
Ameijide estivo acompañado pola concelleira popular en Lugo, Flor Rubinos, e por veciños desta parroquia, que esixen solucións ante o perigo que supón circular por esta estrada provincial, que comunica Conturiz co Páramo e co municipio do Corgo. “Esta estrada é un verdadeiro perigo porque as fochancas cando están cheas de auga impiden apreciar realmente a súa profundidade, podendo provocar accidentes moi serios”, sinalou, ao que engade que “algunhas destas pozas tiñan máis de 15 centímetros de profundidade, polo que rebentón da roda está practicamente asegurado”.
Ameijide recorda “o perigo” que supón circular polas estradas provinciais, non só no Concello de Lugo, senón en todos os municipios da provincia “agás en Monforte, onde Tomé ten en perfecto estado de revista as estradas provinciais”. Neste senso, dende o Grupo Popular insisten na necesidade de que a provincia conte cun plan de mantemento anual das estradas provinciais para dar a todos os municipios as mesmas oportunidades e que a través deste plan se actúe, en primeiro lugar, naquelas estradas nas que hai máis anos que non se realiza mantemento algún ou que presentan situacións de evidente perigo.
Por último, Ameijide recorda que a rede provincial de estradas da Deputación de Lugo, a máis extensa de España, “é obra dun goberno do Partido Popular á fronte do goberno provincial, que a fixo realidade con moitos menos recursos dos que teñen agora PSOE e BNG, incapaces de mantela en bo estado de mantemento”.