O PP denuncia o estado de abandono da Casona do Incio
Os populares aceptaron a emenda presentada conxuntamente por PSOE e BNG para solucionar o estado de abandono no que se atopa a Casona do Incio, que é titularidade da Deputación. Segundo expuxo o vicevoceiro José Antonio García este edificio “é un emblema do patrimonio de Lugo e do Concello, polo que os veciños non merecen todo o desprezo dos presidentes socialistas durante 14 anos, que non fixeron nada e hoxe está en risco inminente de caer de forma definitiva”, exclamou.
García relatou todos "os incumprimentos que os diferentes gobernos de esquerdas cometeron durante todos estes anos respecto a este proxecto. Foi iniciado polo Partido Popular con Francisco Cacharro como presidente e dende iso o que houbo foron improperios e incumprimentos. No ano 2015 representantes desta Deputación, ante a caída parte do inmoble, falaron do inicio inmediato de obras para salvar este símbolo do Incio".
Así pois, defenden que na rolda de prensa de marzo do 2015 "antes das eleccions municipais celebradas nese ano, a entón alcaldesa do Incio estivo acompañada por Lara Méndez, daquela vicepresidenta da Deputación, e por Pilar García Porto, que prometeron que as obras de rehabilitación comezarían antes de que rematase ese mes, obras para as que a Deputación aportaría 250.000 euros".
Despois diso, dende o Partido Popular lamentaron que o que comprobaron os veciños do Incio foi unha vez máis "o engano por parte do goberno provincial presido polo PSOE xa que este tan só se limitou a enviar un grupo de operarios cunha retroexcavadora para derrubar un dos alpendres ubicados ao carón do inmoble principal, sen dispor sequera de ningún tipo de autorización ou proxecto que avalase tal actuación".
"No ano 18 esiximos a esta Deputación a execución das obras, que foi rexeitada, unha vez máis, por parte dos que estaban no goberno. No ano 19 houbo novo anuncio de rehabilitación inmediata para rehabilitar. No ano 21 volvemos a falar do mesmo requerimento, que tamén foi rexeitado. Só agardamos que non pase o mesmo que coa Botica de Guitiriz. O único que vemos, dixo o vicevoceiro do PP, e que nos temas importantes o que temos son risas, pero os veciños e o alcalde do Incio non o van permitir”, matizou.
O popular lamentou os argumentos esgrimidos polo equipo de goberno, xa que “Suplusa só tivo presidentes do Partido Socialista”. “Agardamos que para o auditorio de Lugo si que teñan definido o uso”, ironizou, ao tempo que sinalou: “na súa emenda ínstanse a si mesmos, a apuntalar o edificio, pois fágano antes de que caiga; á rehabilitación integral, fágano tamén; deseñen o uso e conten co Concello, cuxo alcalde leva dous anos tentando falar co presidente”, concluíu.