O PP denuncia que o alcalde de Sarria "leva anos enganando ao sector cultural" con respecto á Feculera

SarriaXa
O Partido Popular di que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "desmonta a gran mentira de Claudio Garrido coa Feculera, trala sentenza na que deixa claro que no inmoble non se ía a poder facer o auditorio nin darlle o destino de usos culturais".
8 Feb 2024

O Partido Popular di que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "desmonta a gran mentira de Claudio Garrido coa Feculera, trala sentenza na que deixa claro que no inmoble non se ía a poder facer o auditorio nin darlle o destino de usos culturais".

Os populares levan anos advertindo da imposibilidade de facer un auditorio na Feculera e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha sentenza contundente confirma as afirmacións do Partido Popular.

A nave comprada polo Concello por 300.000 euros non poderá albergar un auditorio ou un espazo cultural público, xa que o acceso á nave realízase por terreos privados e, ademais, atópase fóra de ordenación e, mesmo, enriba dun vial proxectado nas normas urbanísticas.

O Grupo Municipal lembra que "tendo en conta que o edificio está fóra de ordenación, unicamente se podían facer obras de conservación e, por tanto, era inviable facer un auditorio, estando ademais prohibido o cambio de uso", explican.

"Garrido leva anos enganando ás asociacións e aos colectivos artísticos e culturais frivolizando e facendo perder o tempo cun suposto proxecto que era inviable. E o máis grave é que o propio alcalde era consciente da imposibilidade de que a Feculera se dedicase a ese uso".

"O rexedor tentou enganar tamén a toda a cidadanía cunha infraestrutura fundamental e prioritaria para Sarria como é o Auditorio, polo que esperamos que se poña a traballar para non perder máis tempo con este asunto e facer realidade unha necesidade evidente para o municipio."

Así, desde o PP din que "este súmase a unha longa lista de enganos dun Goberno municipal instalado na mentira, tal e como estamos a ver tamén con asuntos como o da falta de diñeiro público no Servizo do Matadoiro Municipal".

0.17342090606689